jump to navigation

Superpan

O SECTOR FORESTAL GALEGO PRESENTA A SEGUNDA EDICIÓN DA CAMPAÑA “O MONTE É A NOSA VIDA” Julio 21, 2008

Created by Finsa >> Tags  Asociaciones 

O SECTOR FORESTAL GALEGO PRESENTA A SEGUNDA EDICIÓN DA CAMPAÑA “O MONTE É A NOSA VIDA”



Un concurso de fotografía premiará as mellores imaxes sobre o monte galego desde unha perspectiva social, medioambiental ou produtiva


A segunda edición da campaña “O monte é a nosa vida, axúdanos a coidalo” incide na importancia do patrimonio forestal de Galicia e na triple fonte de riqueza social, medioambiental e produtiva que representa.

Juan Picos, director da Asociación Galega Monte Industria lembrou que o monte é unha fonte de ingresos adicional para as familias galegas en contextos económicos desfavorables “desde hai séculos, está documentada a importancia do cultivo do arborado e da venda de madeira como fonte de ingresos para as familias galegas, sobre todo en épocas de malas colleitas”. Picos suliñou que a Comisión Europea ven de recomendar ó Parlamento Europeo que se promova a competitividade da silvicultura e das industrias forestais “porque favorecen o crecemento económico, a xeración de emprego e o desenvolvemento sostible en toda a Unión Europea”.

“O Monte é a nosa vida” é unha iniciativa conxunta da Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Galicia, a Asociación Galega Monte Industria e o Clúster da Madeira de Galicia, en colaboración coa Consellería do Medio Rural.

O monte, triple fonte de riqueza

Desde o punto de vista social, o monte galego xera emprego e riqueza e desempeña unha función de socialización importante. Na perspectiva medioambiental, o monte contribúe na loita contra o cambio climático e á conservación da biodiversidade.

Por último, o monte galego é produtivo, nel conviven actividades coma a produción forestal, a gandeiría ou a caza. O sector forestal -un dos máis arraigados- é unha actividade estratéxica para Galicia. Na metade das comarcas galegas a madeira lidera a actividade industrial por emprego.

Difusión da campaña

Para difundir a campaña editáronse folletos e postais que se repartirán nas oficinas de turismo, concellos, distritos forestais e casas de turismo rural de Galicia.  Este ano a campaña conta coa colaboración de Autopistas del Atlántico, que distribuirá os materiais a través das cabinas de peaxe da A-9, e de Correos y Telégrafos que fará a súa difusión nas oficinas de Galicia.

I edición concurso de fotografía

A campaña pon en marcha a primeira edición do Concurso de Fotografía O Monte é a nosa vida no que se premiará ás imaxes que mellor reflictan a importancia do monte para Galicia desde calquera das tres perspectivas: social, medioambiental ou produtiva.

Para participar hai que remitir un correo electrónico á dirección: omonteeanosavida@yahoo.es.

Dende a súa posta en marcha, hai dúas semanas, xa se recibiron máis de 50 imaxes de 30 participantes. O prazo de entrega das instantáneas finaliza o 30 de outubro de 2008. Os premiados poderán conseguir unha fin de semana nunha casa de turismo rural, unha cámara de vídeo o unha cámara de fotos.